miércoles, 3 de octubre de 2007

O Sistema Arbitral de Consumo tamén en Ares...

A OMIC LANZA UNHA CAMPAÑA DE ADHESIÓN AO SISTEMA DE ARBITRAXE DE CONSUMO DE GALICIA
A iniciativa diríxese aos 96 empresarios, comerciantes e profesionais de Ares


A Oficina Municipal de Atención ao Consumidor (OMIC) de Ares vén de lanzar unha campaña informativa de adhesión ao sistema de arbitraxe de Galicia.

A iniciativa consiste no envío de cartas aos 96 empresarios, comerciantes e profesionais do municipio, de modo que éstes reciben documentación sobre dito sistema, ao tempo que teñen a posibilidade de poñerse en contacto coa OMIC para solicitar o distintivo oficial.

Aínda que se trata dun servizo autonómico, o Concello pode aclarar as dúbidas, ofrecer información máis detallada e tramitar as solicitudes dos comerciantes ao respecto.

O sistema de arbitraxe de consumo é unha vía extraxudicial, voluntaria e gratuita que permite resolver dunha forma rápida (máximo de catro meses dende que se nomean os membros do colexio encargados de dirimir o conflicto) e eficaz os desacordos que poidan xurdir entre os consumidores/usuarios e os empresarios, mediante unha resolución denominada "laudo", que ten na práctica a mesma eficacia que unha sentencia xudicial.

Os empresarios que decidan adherirse ao sistema arbitral de consumo poderán exhibir o distintivo oficial debidamente rexistrado pola administración, que indicará aos clientes a oferta dunha garantía engadida aos servizos que presta habitualmente.

Como subliñan dende a OMIC, dito distintivo redunda nunha maior confianza na calidade dos servizos ou produtos e na credibilidade das empresas.

Na actualidade, o distintivo oficial é empleado por máis de 50.000 compañías a nivel nacional.

Os empresarios e comerciantes de Ares que queiran recibir máis información ao respecto ou tramitar a solicitude pertinente deberán dirixirse á Oficina Municipal de Información ao Consumidor, situada na pranta baixa da Casa Consistorial (núm. 12 da Avenida Saavedra Meneses).

O número de teléfono da OMIC é o 981 468 102, extensión 241, e o correo electrónico é oficina.consumo@concellodeares.com

No hay comentarios: