O CONCELLO DE ARES COMEZA O DÍA 15 O CICLO "LUNS DE CINE" COA PROXECCIÓN DA PELÍCULA "A ATLÁNTIDA"
A iniciativa da Concellaría de Cultura enmárcase dentro do programa "Cinemas Dixitais", promovido pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia
Co obxectivo de achegar o cine galego á poboación aresana, ponse en marcha o ciclo "Luns de Cine", un programa que se enmarca dentro de "Cinemas Dixitais" e que promove a Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e a Axencia Galega, co IGAEM e coa colaboración, neste caso, do Concello de Ares.
O salón de actos da Alianza Aresana –o programa tamén pretende recuperar e extender os espazos de exhibición pública nos teatros, auditorios e casas da cultura dos pobos galegos- será o escenario destas proxeccións, que se iniciarán o vindeiro luns, día 15, ás oito da tarde.
"A Atlántida" é o título elixido para o primeiro pase, que terá continuidade ata o día 3 de decembro.
Aínda que nun principio exhibiranse oito películas, a Concellaría de Cultura está traballando coa Axencia audiovisual Galega para continuar coa iniciativa, sempre e cando ésta teña unha boa acollida por parte dos aresáns. A entrada a tódalas proxeccións é gratuita.
Este primeiro ciclo inclúe telefilmes feitos en Galicia, ao que seguirán proximamente, segundo informa a Consellería de Cultura, outras produccións agrupadas en diferentes temáticas.
Á proxección de "A Atlántida" seguirá "A biblioteca da iguana" –día 22-; "Condenado a vivir" –día 29-; "Entre bateas" -5 de novembro-; "Jalisco" –día 12-; "Máis ca irmáns" –día 19-; "O tesouro (de Ánxel Fole)" –día 26-; e "O partido" –o 3 de decembro-.
A concelleira de Cultura fai un chamamento aos aresáns para que participen nesta iniciativa, na que se poderán ver de forma totalmente gratuita algunhas das mellores produccións feitas en Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario