lunes, 8 de octubre de 2007

Nota de prensa para mañá: Unha Galescola para Ares...

O PLENO DESTE MES ABORDARÁ A ADHESIÓN DO CONCELLO AO CONSORCIO GALEGO DE SERVIZOS SOCIAIS DA XUNTA



Un técnico de Vicepresidencia visitou esta mañá os terreos sobre os que se construirá a galescola, que podería funcionar o vindeiro curso 2008-09

ARES, 8 DE OUTUBRO DE 2007.- O pleno ordinario de fin de mes, previsto para o vindeiro 26, abordará a adhesión do Concello de Ares ao Consorcio de Servizos Sociais da Xunta, o que permitirá a execución de varios proxectos de grande interesese para este municipio en materia de servizos sociais.

Na comisión extraordinaria desta área celebrada esta mesma mañá, dictaminouse favorablemente o proxecto de incorporación do Concello ao Consorcio, que será debatido en xunta de portavoces e, finalmente, sometido a votación na sesión plenaria do último xoves de mes. A adhesión é un trámite imprescindible para a posta en marcha das iniciativas en cuestión.

Unha das máis importantes, pola carencia deste servizo en Ares (salvo a existencia dunha ludoteca do Concello), é a construcción e posta en funcionamento dunha galescola, dirixida e nenos de entre cero e tres anos. Tamén hoxe, un técnico de Vicepresidencia (Consellería da que depende o Consorcio de Servizos Sociais) visitou por segunda vez o municipio para ver "in situ" a parcela na que o goberno local pretende executar a galescola.

O técnico, acompañado do alcalde, Julio Iglesias, e a concelleira de Servizos Sociais, Victoria Montenegro, achegouse á zona para comprobar a idoneidade da parcela, que parece ser a axeitada para un centro de nenos.

Polo tanto, os trámites necesarios para poder licitar as obras e que éstas comecen a principios do vindeiro ano, pasan por que o pleno da corporación aprobe a cesión dos terreos á Xunta e o informe topográfico pertinente que garanta a viabilidade da actuación prevista. Así, a galescola podería estar funcionando o curso que ven, é dicir, o correspondente a 2009-09.

Características
A parcela en cuestión é de propiedade municipal e está situada no lugar coñecido como A Granxa ("Granxares"), no casco urbán de Ares. Os terreos contan cunha superficie total de 1.071,79 metros cadrados e teñen a cualificación de solo urbanizable. Segundo a normativa urbanística, poderase construir un edificio de baixo e unha pranta, tendo a parcela unha edificabilidade máxima de 0,8 m2xm2 (800 metros cadrados en total, repartidos entre o baixo, de 600, e a primeira pranta, de 200 metros cadrados) e unha ocupación máxima do 60% (600 metros cadrados).

O alcalde destacou a importancia de que Ares poida dispoñer dunha escola infantil, xa que este municipio vén experimentando nos últimos anos un espectacular crecemento demográfico que non foi acorde, ata o de agora, cos servizos públicos que se ofertan.

Ademais, defendeu como máis axeitada a ubicación da parcela, xa que conta cunhas excelentes características técnicas e, a maiores, dispón dun espazo para o esparcimento dos pequenos , unha área verde duns 2.000 metros cadrados, e de zonas de aparcadoiro.

A visita do técnico de Vicepresidencia prodúcese días despois da última reunión entre o rexedor socialista e o secretario xeral deste departamento, Javier Ferreira; encontro celebrado a pasada semana para abordar, entre outras cuestións, o da galescola.

No hay comentarios: