miércoles, 17 de octubre de 2007

Nota de prensa para mañá: Importante, productiva e histórica...

O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE GARANTE O FINANCIAMENTO PARA O SANEAMENTO DE CHANTEIRO



Na reunión co alcalde de Ares, Manuel Vázquez afirmou que a EDAR, que xa acada os 88 millóns, entrará en funcionamento nos prazos comprometidos

ARES, 17 DE OUTUBRO DE 2007.- Importante, productiva e histórica. Así podería calificarse a reunión que o alcalde de Ares, Julio Iglesias, mantivo esta mañá en Santiago co conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez.

Segundo explicou o rexedor aresán ao remate do encontro, o titular deste departamento da Xunta garantíu o financiamento das obras de saneamento da parroquia de Chanteiro, a única do municipio que non dispón na actualidade deste servizo.

Este anuncio, como subliñou o alcalde socialista, vén a confirmar o compromiso acadado a pasada semana co director de Augas de Galicia, José Luis Romero, que xa adiantara dita inversión.

Neste sentido, Iglesias afirmou que no prazo dun mes o Concello entregará o proxecto á administración autonómica, que asumirá a licitación e a execución dos traballos.

Deste xeito, os veciños de Chanteiro disporán de saneamento das augas residuais ao mesmo tempo que a EDAR.

Precisamente a estación depuradora do sur da ría de Ferrol e norte de Ares foi outra das cuestións que ambos responsables políticos abordaron na reunión desta mañá. Así, Julio Iglesias destacou que a actuación da EDAR supón a inversión máis importante realizada por un Goberno da Xunta en territorio galego con cargo en exclusiva ao orzamento autonómico. A este respecto, indicou que nestes momentos acada xa os 88 millóns de euros. Con respecto á tramitación do proxecto e os prazos de execución, a Consellería asegurou que estanse a cumprir as previsións establecidas –xa rematou o prazo de información pública, que rexistrou unicamente oito alegacións-, polo que a nova EDAR estará en servizo antes de que conclúa o prazo dado pola Unión Europeo para que todas as depuradoras de augas residuais estean operativas.

Ademais, Iglesias manifestou que a EDAR e o saneamento de Chanteiro son fundamentais para cumprir a Lei de Protección Medioambiental, que contempla que os municipios que non dispoñan de saneamento non poderán ter Plan Xeral de Ordenación Municipal. Sobre esta cuestión, o alcalde lembrou que o PXOM de Ares está no xulgado, polo que o goberno local terá que redactar outro que, sen o saneamento, non poderá ser aprobado. "Non é só o saneamento, senón que se trata dun proxecto estratégico", dixo o rexedor socialista, que destacou como aspectos importantes desta actuación o económico e o relativo á sostenibilidade no ámbito do ecoturismo.

HUMIDAL
O humidal da Xunqueira foi abordado na reunión desta mañá e tamén se saldou cun resultado positivo para o Concello. Iglesias indicou que a Consellería de Medio Ambiente asumirá a execución dun proxecto de recuperación deste espazo para o uso e disfrute dos cidadáns. A iniciativa, que ten como unha das súas máximas o respecto ao medio ambiente, contempla a redacción, por parte do Concello, dun proxecto, que se remitirá posteriormente a Medio Ambiente, que se encargará da súa execución.

Esta actuación vai na liña dos trámites iniciados polo goberno local e aprobados polo pleno da corporación, tendentes a incrementar o nivel de protección do humidal.

CONTENERIZACIÓN
Por outra banda, o departamento que dirixe Manuel Vázquez comprometeuse a levar a cabo outro proxecto, neste caso por fases, dos que o alcalde de Ares puxo enriba da mesa. Trátase da contenerización soterrada en diferentes puntos do municipio, que irase facendo un por ano, comezando, como destacou o rexedor, polos máis urxentes. Éstes, segundo Iglesias, son o do Avenida, en Ares, e o da praza do Pedregal, en Redes, polo que serán os primeiros en instalarse.

O titular de Medio Ambiente tamén se mostrou favorable a incrementar o número de contenedores convencionais –verdes e amarelos- nas praias e na zona rural do municipio. A este respecto, o alcalde presentoulle un proxecto valorado nuns 27.000 euros.

Para Julio Iglesias, o encontro de hoxe e, sobre todo, os compromisos acadados, teñen unha vital importancia para Ares, xa que ditos acordos satisfarán algunhas das demandas "históricas" dos veciños, como o saneamento de Chanteiro ou o soterramento dalgúns contenedores, que evitarán molestias e acabarán co feísmo que provocan nestas zonas.

No hay comentarios: