miércoles, 10 de octubre de 2007

Nota de prensa para mañá: Para Chanteiro o saneamento o primeiro...

AUGAS DE GALICIA FINANCIARÁ O SANEAMENTO DE CHANTERIO, ÚNICA PARROQUIA SEN ESTE SERVIZO

O alcalde de Ares acadou este compromiso nunha reunión celebrada esta mañá en Santiago co director deste organismo, José Luis Romero

ARES, 10 DE OUTUBRO DE 2007.- O organismo público Augas de Galicia asumirá a financiación do saneamento de Chanteiro, a única parroquia do Concello de Ares que non dispón deste servizo. Éste foi un dos compromisos acadados polo alcalde de Ares, Julio Iglesias, na reunión co director de Augas, José Luis Romero, celebrada esta mañá en Santiago e que se prolongou durante dúas horas.

No encontro, solicitado por Iglesias para falar, entre outros temas, do saneamento desta parroquia do municipio de Ares e que cualificou ao seu remate como "histórico para Chanteiro", acordouse que o Concello entregará no prazo dun mes un proxecto desta importante actuación (a administración local dispón de dous proxectos para o saneamento de Chanteiro, un de 1999 e outro de 2003, que por falla de vontade política do anterior goberno local, en mans do PP, nunca se executaron).

Dito proxecto será realizado por Proyfe, a mesma empresa que se encargou dos anteriores, e consistirá na súa actualización.

Segundo manifestou Iglesias, o propio director de Augas de Galicia recoñeceu que é unha incongruencia que se leve a cabo a construcción da EDAR do norte da ría de Ares e a sur de Ferrol sen que os veciños da zona na que se construirá a estación depuradora (Punta Avarenta) dispoñan do saneamento das súas augas residuais.

Polo tanto, os trámites que se seguirán agora son, en primeiro lugar, o da actualización do proxecto para, unha vez rematado, presentalo ante Augas de Galicia, que asumirá a licitación e execución das obras correspondentes.

Dita tramitación, xunto cos traballos, levaranse a cabo de forma simultánea aos da EDAR (haberá unha conexión coa estación de Punta Avarenta para que as augas, xa depuradas, vertan á ría), dos que se encarga a Consellería de Medio Ambiente.

Precisamente co seu titular, Manuel Vázquez, reunirase o alcalde de Ares os vindeiros días 16 e 17 deste mes. O obxectivo destes encontros é, entre outros temas, o de concretar cuestións relativas á EDAR, unha intervención que, como subliñou Iglesias, é de grande envergadura para este municipio.

TEMPO RÉCORD
Con este anuncio de Augas de Galicia, o alcalde resolve en tempo récord un compromiso acadado cos veciños de Chanteiro nunha asemblea, á que acudíu o rexedor socialista, celebrada o pasado domingo para tratar esta cuestión.

Neste encontro veciñal, Julio Iglesias comprometeuse a solucionar o tema, que se ten convertido nunha demanda histórica dos residentes na única parroquia de Ares que non dispón de saneamento.

Polo tanto, en tan só tres días resolveuse unha intervención e, o máis importante, a súa financiación, que para o goberno local era prioritaria e de especial necesidade.

Deste modo, tanto a EDAR como o servizo de saneamento de Chanteiro entrarán en funcionamento á par.

No hay comentarios: