viernes, 19 de octubre de 2007

A festa Do Samaín...

A CONCELLARÍA DE CULTURA ORGANIZA ACTIVIDADES E CONCURSOS PARA CELEBRAR A FESTA DO SAMAÍN


A área que dirixe Ana Fernández Coira promove un certame do contos de medo, para rapaces, e outro de receitas elaboradas con cabazas ou castañas

A Concellaría de Cultura organiza unha serie de actividades para celebrar a festa do Samaín, que se desenvolverá o vindeiro 10 de novembro.

Aínda que a celebración terá lugar nesa data, o certo é que xa está aberto o prazo de inscripción para participar en dous concursos que esta área de goberno promove tamén con este motivo.

ARES, DE MEDO
O primeiro, é o concurso de contos de medo "Ares, de medo", dirixido a nenos de Ares de ata dez anos, na primeira das categorías establecidas, e de 11 a 16, na segunda. Os rapaces interesados en participar deberán formalizar a súa inscripción dende xa mesmo e ata o día 31 deste mes. Segundo consta nas bases, a disposición no Concello, os contos terán que ser de medo ou misterio, sempre orixinais, e dacordo co tempo do Samaín. As historias, que poderán ser en galego ou castelán, non poderán sobrepasar os tres folios, formato A4, por unha cara, a dobre espazo e con letra Arial 12.

O xurado, que estará composto polo contacontos profesional César Martínez "Goldi", a concelleira de Cultura e o debuxante aresán Antonio Seijas, fallará o concurso, cuxos premios –un DVD portátil para o vencedor de cada unha das categorías, un MP4 para os dous finalistas e un agasallo para todos os participantes- entregaranse na festa do día 10 de novembro.

ARES, QUE RICO
E o segundo, é o concurso de receitas de cociña "Ares, qué rico", cuxo prazo de presentación das fichas de inscripción tamén conclúe o día 31, e neste caso poderá participar calquera aresán que queira probar a súa pericia na cociña.

As bases establecen que os pratos que concurran ao certame –un por persoa- poderán ser de calquera tipo; iso si, deberán ter entre os seus ingredientes principais a cabaza ou as castañas.

A receita seleccionada polo xurado –estará formado por "Goldi", Anuska e un restaurador do municipio- será premiado cunha fin de semana completa nunha casa rural para dúas persoas, en réxime de aloxamento e almorzó, mentres que os dous finalistas disfrutarán dunha cea para dúas persoas nun restaurante do concello a escoller.

Os pratos preseleccionados, ao igual que no caso dos contos –serán lidos polos seus autores na festa do Samaín-, presentaranse na celebración do día 10 e serán catados polo xurado. Ademais, a totalidade serán degustados polo público que acuda a esta cita festiva.

FESTA DO SAMAÍN
O parque Rosalía de Castro e, no caso de que choiva, o patio cuberto do colexio Conde de Fenosa, acollerán o magosto do Samaín, actividade organizada polo Concello en colaboración coa asociación O Tilo e a Banda de Gaitas de Ares.

Precisamente a primeira entidade está a realizar unha carroza ambientada nesta antiga tradición do Samaín, que sairá da súa sede ás catro da tarde do día 10 de novembro.

Despois dun percorido polo pobo, a carroza rematará no parque Rosalía, o que servirá como pistoletazo da saída á festa.

Ésta contará coa presentación e coordinación do actor e contacontos César Martínez "Goldi". A lectura dos contos preseleccionados, a degustación das receitas do concurso e a castañada popular serán os principais ingredientes desta celebración, que rematará cunha queimada.

Tamén haberá un certame de cabazas, polo que as persoas que quieran participar deberán acudir á festa coa súa cabaza disfrazada –neste caso non hai inscripción previa, senón que se fará no propio parque Rosalía-.

Unha vez rematada a festa –sobre as dez da noite-, a carroza, coas cabazas alumeadas, fará un novo percorrido pola vila de Ares.

A concelleira de Cultura anima a todos os cidadáns a participar activamente nestas actividades,das que hoxe mesmo informou a edil socialista na comisión desta área.

No hay comentarios: