O ALCALDE DE ARES RECLAMA UNHA MELLORA NO SERVIZO QUE PRESTA A OFICINA DE CORREOS NO MUNICIPIO
Julio Iglesias denuncia que Mugardos, cunha poboación similar á aresana, ofrece mellores prestacións que as que se prestan neste Concello
ARES, 22 DE OUTUBRO DE 2007.- O alcalde de Ares, Julio Iglesias, reclama unha mellora do servizo que Correos desenvolve neste municipio. Segundo se desprende dun informe realizado pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), as diferenzas entre as prestacións da oficina de Ares e a de Mugardos, son significativas, a pesar de que ambos concellos contan cunha poboación similar.
Así, o rexedor denuncia que mentres que o horario de atención ao público en Ares é de 8.30 a 11.30 horas, de luns a venres, e de 8.30 a 10.00 horas os sábados, cun único traballador en ventanilla –que tamén realiza reparto entre as 12.30 e as 14.30 horas- no veciño municipio o horario é, de luns a venres, de 8.30 a 14.30 horas, e de 9.30 a 13.30 horas, os sábados. Así mesmo, Mugardos conta con dous traballadores en ventanilla –un cunha adicación de catro horas e outro de sete-.
Pero, ademais, un dato que hai que ter en conta á hora de pedir a Correos unha ampliación dos horarios de reparto e do número de traballadores –polo menos en dúas persoas- é que mentres que en Ares se rexistra unha media de envíos por día de 3.500 cartas ordinarias e 60 certificados, en Mugardos a cantidade de cartas xeradas redúcese a unhas 250 diarias.
Dase a circunstancia de que o reparto da correspondencia en Mugardos o realizan os empleados de Ares, que ascenden a oito. Destes, o primeiro encárgase da atención en ventanilla, o traballo de oficina e o reparto por Ares; o segundo tamén entrega as cartas por este municipio; o terceiro reparte entre Ares e Simou (Mugardos); o cuarto faino por Redes (Ares) e Camiño Grande (Mugardos); o quinto por O Seixo e Franza (Mugardos); o sexto reparte por Ares e Mugardos; o séptimo unicamente por Mugardos (ambos son circulares); mentres que o octavo e derradeiro adícase a trasladar a correspondencia entre os dous concellos.
O alcalde xa iniciou as xestións oportunas para acadar unha ampliación e mellora do servizo que se presta no Concello. Neste sentido, mantivo conversas co responsable provincial de Correos e co xerente da rede de oficinas da zona norte, co que agarda manter unha reunión proximamente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario