AS REVISIÓNS DE INSTALACIÓNS DE GAS É O TEMA ELIXIDO POLA OMIC PARA A VINDEIRA CHARLA, PREVISTA PARA O 18
As denuncias presentadas na Oficina Municipal de Información ao Consumidor levan á súa responsable a organizar unha conferencia para falar desta cuestión
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) organiza unha nova charla informativa, que neste caso abordará as revisións de gas, os dereitos e as obrigas dos cidadáns neste ámbito, e que se desenvolverá o vindeiro xoves, día 18, ás 11.00 horas, no salón de actos da Alianza Aresana.
Este tema inclúese no ciclo de conferencias promovidas pola OMIC do Concello de Ares unha vez que se vén detectando a problemática existente con algunhas empresas homologadas que visitan as casas –como xa fixeron en Redes- e "obrigan" aos veciños a facer a revisión, cobrándolles por algo tan sinxelo como o cambio da goma da bombona de butano unha cantidade que vai dos 80 aos 200 euros. Dende que a oficina alertou desta situación, xa son varias as denuncias presentadas por parte de cidadáns do municipio.
Outros temas que a OMIC tratará en vindeiras charlas –todas elas celebraranse os xoves ás 11.00 horas- son "Actividades molestas e insalubres" -25 de outubro-; "Telefonía móbil" -8 de novembro-; "Dereitos de mobilidade e accesibilidade dos cidadáns con discapacidade" -15 de novembro-; "Acceso a Internet" -22 de novembro-; e "Normativa legal das rebaixas" -13 de decembro-.
No hay comentarios:
Publicar un comentario