
COSTAS REPARARÁ POLA VÍA DE URXENCIA A ESTRADA DA PRAIA PEQUENA DE CHANTEIRO
O enxeñeiro xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil Villar, visitou co alcalde, Julio Iglesias, o litoral do municipio aresán
CHANTEIRO, 1 DE OUTUBRO DE 2007.- O enxeñeiro xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil Villar, comprometeuse, no marco dunha visita realizada o pasado venres a Ares por petición dos responsables locais, a executar un dos proxectos máis demandados polos veciños de Chanteiro nos últimos anos. Trátase da reparación do lateral da estrada da Praia Pequena, que bordea a costa a unha altura considerable e que, pola forza do mar e da erosión, está a perder co tempo parte da anchura da calzada. Este feito, motivo de preocupación dos veciños da zona e do propio goberno local, ten efectos tales como que dende hai uns meses o camión de recollida de lixo xa non pasa por este vial, debido ao perigo de caer ao mar polo acantilado.
Carlos Gil acudiu a este lugar acompañado polo alcalde de Ares, Julio Iglesias, que lle mostrou a estrada e a súa problemática. O rexedor destacou a receptividade do enxeñeiro xefe da Demarcación de Costas, que non só se comprometeu a executar esta actuación, senón que tamén asegurou que o fará pola vía de urxencia. A intervención, como lembrou o alcalde, é similar á desenvolvida, tamén por Costas, hai pouco en Area Morta, en Redes.
Os traballos non só contemplan a reparación da estrada, senón que, ademais, inclúen o cambio do tubo de pluviais, é dicir, o que recolle a auga de chuvia do monte e a bota ao mar.
Esta última actuación correrá a cargo do Concello, que na actualidade está a acometer unha serie de traballos de apertura de camiños nesta parroquia do municipio. Na actualidade, a Concellaría de Obras, que dirixe José Ferreiro, está executando estas obras no "Camiño Real", consistentes no ensanchamento do vial ata acadar os oito metros.

Outra actuación de grande importancia que acometerá Costas, por petición de Iglesias, é a adecuación do litoral na praia de Chanteiro
Neste caso, trátase dunha intervención integral que consiste no saneamento do contorno do areal, a construcción dun aparcaoiro público e a adecuación dos accesos, facéndoos máis adecuados e de madeira.
Ademais, desta praia partirá un paseo peonil polo litoral, que rematará na zona da Coitelada e que pasará polo camiño da Praia Pequena que agora vaise arranxar.
Segundo o acordo acadado na visita feita por Carlos Gil o venres, o Concello farase cargo da realización do proxecto, mentres que a Demarcación de Costas financiará a execución dos traballos.
O alcalde de Ares tamén asegurou, como xa fixera cando o DOG publicou o anteproxecto da EDAR, que a súa intención pasa por conectar Chanteiro coa rede de saneamento, dando así servizo á unica zona do municipio que carece do mesmo
Neste sentido, Julio Iglesias subliñou que o Concello dispón de dous proxectos redactados, o último de 2003, relativos á dotación de alcantarillado para Chanteiro, que non foron executados polo anterior grupo de goberno local.
Agora, os novos responsables municipais retomarán ditos proxectos, que serán actualizados, e buscarán doutras administracións a aportación económica necesaria para poder dotar a estes veciños do tan necesario servizo de saneamento.
De feito, o alcalde xa mantivo conversas nesta dirección co conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, estando pendente na actualidade de concretar o novo proxecto nunha entrevista persoal co titular deste departamento da Xunta.
Nota: publicada en la Voz de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario