A CONCELLARÍA DE OBRAS REMATA A ALIANZA ARESANA CO PECHE, RÉPLICA DO INDIANO, DA SÚA PARTE TRASEIRA
O inmoble, que fora inaugurado en decembro de 2005 polo anterior goberno local, non estaba finalizado e levaba dous anos coas obras finais paralizadas
A Alianza Aresana, un dos mellores exemplos da arquitectura indiana da comarca ferrolá, estará concluida nun prazo aproximado de dúas semanas. Aínda que as obras de restauración deste inmoble foron inauguradas polo anterior goberno do PP en decembro de 2005, o certo é que o edificio estaba inacabado, polo menos no que se refire ao seu peche perimetral traseiro.
Despois de dous anos cos traballos paralizados, os actuais responsables municipais, concretamente a Concellaría de Obras, que preside José Ferreiro (Pepe), están afrontando o seu remate. Dende o pasado luns, dous operarios municipais traballan na colocación e posterior pintado das dez columnas que pecharán o perímetro da Alianza Aresana, réplica das orixinais da parte frontal.
Precisamente o encargado de facer ditas réplicas, elaboradas e instaladas de forma artesanal, é Agustín Suárez Feal, o neto do “autor” da ornamentación orixinal. Mentres que José Suárez González fixo esta aportación altruista –non deu cartos pero si a súa man de obra- na época de construcción deste edificio –inaugurado en 1911 e antigo colexio de nenos-, o seu neto vén a rematar agora a restauración deste singular inmoble.
A última fase desta obra será a instalación dunha reixa, unha aportación do constructor do edificio anexo –pola parte traseira- ao da Alianza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario