lunes, 22 de octubre de 2007

Nota de prensa para mañá: Sendas peonís, campo de fútbol e piscina...

A DEPUTACIÓN ENCARGA OS PROXECTOS PARA FACER SENDAS PEONÍS ENTRE ARES E CHANTEIRO E ARES E REDES


O alcalde, Julio Iglesias, acadou este compromiso do presidente provincial, Salvador Fernández Moreda, na reunión que mantiveron esta mañá

ARES, 22 DE OUTUBRO DE 2007.- A Deputación Provincial encargará aos técnicos desta institución a redacción de dous proxectos para a execución doutras tantas sendas peonís; a primeira, na estrada que une Ares con Chanteiro e, a segunda, na de Ares-Redes. Este foi un dos compromisos que acadou o alcalde deste municipio, Julio Iglesias, na reunión que mantivo esta mañá co presidente coruñés, Salvador Fernández Moreda.

Segundo explicou o rexedor socialista ao remate do encontro, no proxecto definiranse os trazados das sendas e o orzamento necesario para a súa realización. Neste sentido, cabe subliñar que as previsións da Deputación pasan por destinar unha partida orzamentaria para a primeira actuación –a de Chanteiro- o vindeiro ano 2008, mentres que a segunda contaría con financiación en 2009.

O que non está definido con exactitude é o prazo no que as sendas estarán rematadas, xa que, como ocorre nos diferentes municipios da provincia que contan ou van ter estes camiños, o trazado suporá a cesión dunha pequena parte de terreo por parte dos veciños afectados polo mesmo, polo que no caso de non se chegase a un acordo, teríase que pasar á expropiación –o que, loxicamente, ralentizaría as intervencións programadas-. Como dixo Iglesias, o obxectivo é que as dúas sendas estean finalizadas neste mandato.

CAMPO DE FÚTBOL
Outro dos temas que os dous responsables políticos abordaron na reunión de hoxe foi o da obra complementaria do campo de fútbol de Prados Vellos, consistente na instalación de postes e de luminarias para garantir que os equipos locais poidan xogar durante todo o ano polas tardes. A este respecto, o alcalde de Ares manifestou a súa satisfacción polo compromiso de Salvador Fernández Moreda, que asegurou que a Deputación fará unha aportación económica a dita intervención.

Ademais, hai que lembrar que o pleno da corporación aprobou recentemente unha moción do PSOE que pedía a implicación das diferentes administracións para facer fronte a estas obras, necesarias para que a instalación deportiva municipal funcione ao 100%. Así, o rexedor socialista está pendente de que a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, poña a data para unha reunión, que xa solicitou o pasado 4 de outubro e da que aínda non obtivo resposta, para falar deste tema, entre outros.

PISCINA
O alcalde de Ares solicitou, así mesmo, o apoio da Deputación da Coruña para axilizar o proxecto de construción da piscina municipal de Ares e Mugardos, que está financiada pola institución provincial cunha achega global de 1,5 millóns de euros.

Neste sentido, o presidente provincial interesarase ante do concello de Mugardos para que os traballos poidan comezar o antes posible, toda vez que se trata dunha infraestrutura deportiva moi demandada polos veciños de ambos municipios.

No hay comentarios: