Autor de la imagen: Rafael Estévez
«O turismo de calidade ofrece moitas posibilidades en Ares»
Entrevista: Julio Iglesias Redondo
Con casi total probabilidade, e en función dos pactos, será o próximo alcalde tras liderar a lista do PSOE, á que só lle faltaron 24 votos para ser a candidatura con máis apoio no seu municipio.
(Firma: R. Loureiro | Lugar: ferrol)
Julio Iglesias Redondo (Santiago de Compostela, 1966), doutor en Dereito e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, deixou a Dirección Xeral de Xustiza para optar á alcaldía aresana. Unha alcaldía á que accederá co apoio do BNG.
-Foi unha aposta arriscada... ¿Ou non?
-Cando aceptei o cargo de director xeral xa o fixen pensando en volver á política municipal. Quería ser alcalde do meu pobo. Nese sentido, aposta arriscada non foi. Porque era o que eu quería facer e ademais, dalgunha maneira, sabía que en Ares acabaría habendo un goberno de progreso.
-O aínda alcalde en funcións, José Manuel Cendán, atribúe o cambio que se vai producir no goberno municipal ás diverxencias persoais e políticas co seu irmán.
-Se hai catro anos non houbo xa en Ares un goberno de progreso foi porque Cendán o impediu inflando o censo electoral. Un feito polo que está procesado. Entón, nestas eleccións, se sumamos o desgaste que acumulou nos últimos meses a todo o que xa era a tendencia de voto, resultaba previsible que aquí houbese un cambio.
-Que finalmente chegou.
-Si, e foi un cambio que, según eu creo, nada ten que ver, repito, coas diferencias entre os dous irmáns. Porque se sumamos os 1.338 votos que vén de conseguir o PP de José Manuel Cendán e os 317 que logrou a Nova Alianza que encabezaba o seu irmán Luis, temos un resultado semellante ao que a candidatura conservadora rexistrou hai catro anos. Mentres tanto, o PSOE, que tivo daquela só 890 votos, nesta convecatoria sumou 1.314. A nosa subida foi, por tanto, espectacular.
-¿E cal foi, desde a súa perspectiva, o que motivou ese incremento no voto socialista?
-Fundamentalmente creo que a mobilización do voto máis libre que existe en calquera proceso electoral, que é o da xente nova. A xuventude de Ares mobilizouse para devolverlle a dignidade a un pobo que ultimamente, por culpa dos irmáns Cendán, estaba proxectando unha malísima imaxe, incluso a nivel nacional.
-¿Que ten que ser Ares?
-Un bo lugar para vivir, un municipio agradable para todos. Por iso digo sempre que máis que en grandes obras hai que pensar nun gran proxecto de sostenibilidade urbana, sen distincións en canto a prestación de servizos entre os cascos urbanos e as parroquias. Un lugar no que a riqueza xerada polo uso do chan se redistribúa con xustiza. Ares ten que facer unha aposta polo ecoturismo sostible. Iso implica poñer en valor o que temos: unha fachada marítima impresionante, espazos singulares como os portos de Ares e Redes, unha arquitectura medieval marabillosa, un gran patrimonio histórico... O turismo de calidade ofrece moitas posibilidades en Ares. Pero tamén temos que facer compatible ese futuro como espazo de segunda residencia co obxectivo de lograr para a nosa xuventude un acceso á vivenda a prezos asequibles.
-¿Como é hoxe no seu municipio o clima de convivencia?
-Houbo unha situación de crispación, pero iso xa rematou. Acabou cando falaron as urnas. Agora o que toca é mirar para o futuro con serenidade. Se a xente pasou páxina, nós tamén. Todo iso forma parte xa do tempo pasado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario