miércoles, 21 de noviembre de 2007

Nota de prensa para mañá: Sobre a EDAR...

OS ALCALDES DE ARES, FENE E MUGARDOS ACORDAN A POSTA A DISPOSICIÓN DA XUNTA DOS TERREOS PARA A EDAR

Os rexedores asinarán o vindeiro venres un convenio polo que cada un asume unha porcentaxe para financiar a expropiación das parcelas afectadas

ARES, 20 DE NOVEMBRO DE 2007.- O alcalde de Ares, Julio Iglesias, mantivo esta mañá dúas reunións cos rexedores de Mugardos, Xosé Fernández Barcia, primeiro, e Fene, Iván Puentes, máis tarde, para falar sobre a EDAR.

O primeiro dos encontros tivo lugar en Mugardos ás nove da mañá e a segunda, xa en Ares, á unha.

Nas reunións abordouse unha cuestión fundamental para a execución das obras de estación depuradora de augas residuais da zona norte da ría de Ares e sur da de Ferrol: a posta a disposición da Xunta dos terreos necesarios para poder levar a cabo os traballos e que éstes poidan comezar en verán do vindeiro ano.

Este trámite conleva a adquisición de case 1.000 parcelas repartidas polos tres municipios, aínda que a maior parte –unhas 660- pertencen a Ares, xa que é o concello no que se ubicará a estación depuradora.

Estes gastos correrán a cargo dos tres concellos, que acordaron repartilo en proporción ao número de habitantes de cada un, quedando a porcentaxe da seguinte forma: Fene o 60%, Mugardos o 20% e Ares o 20% restante.

O convenio que regulará todas estas cuestións será asinado polos alcaldes destes municipios nun acto que terá lugar o vindeiro venres, día 23 de novembro, ás 11.30 horas na Casa Consitorial de Ares.

Ademais da sinatura, os rexedores comparecerán ante os medios para explicar o contido do documento que compromete ás tres administracións locais a entregar os terreos nun prazo máximo de oito ou nove meses e a consignar a partida orzamentaria necesaria para a súa expropiación.

No hay comentarios: