miércoles, 21 de noviembre de 2007

I Campionato Comarcal de Nadal Surfcasting “Concello de Ares”

O CONCELLO E ASOCIACIÓN DEPORTIVA O RODABALLO ORGANIZAN O I CAMPIONATO COMARCAL DE SURFCASTING

A actividade desenvolverase o vindeiro 1 de decembro no praia de Seselle-Raso e o prazo de inscripción concluirá o día 28 deste mes

A praia de Seselle-Raso é o escenario elixido polo Concello de Ares e a Asociación Deportiva O Rodaballo para a celebración do I Campionato Comarcal de Nadal Surfcasting “Concello de Ares”, que se desenvolverá o vindeiro 1 de decembro.

Para participar nesta actividade haberá que formalizar a inscripción, ben no Casa Consistorial –no departamento de Cultura- ou no café-bar Yemen –rúa Lepanto, b-1, baixo, no barrio ferrolán de Caranza-. O prezo é de cinco euros, para os federados, e de 17 –inclúe a tarxeta federativa-, para os non federados. O prazo estará aberto ata o 28 deste mes.

A concentración dos participantes neste primeiro campionato desta modalidade de pesca realizarase ás 16.30 horas na cafetería Camping Praia do Raso e, unha hora máis tarde, procederase ao sorteo de postos, explicación e entrega das normas básicas. Ás 18.00 horas comezará a proba deportiva, que rematará cinco horas máis tarde. Finalmente, ás 00.30 levarase a cabo a pesaxe das capturas e os participantes disfrutarán dun pincho no mesmo lugar da concentración.

Os premios que se concederán aos vencedores do campionato son unha cana valorada en 300 euros, para o primeiro clasificado; un carrete valorado en 200 euros, para o segundo; e un vadeador valorado en 100 euros, para o terceiro. Ademais, entregarase unha cazadora valorada en 70 euros para o concursante que acade un maior número de pezas e outra para a captura máis grande.

No hay comentarios: