miércoles, 7 de noviembre de 2007

A Habana: O "noso" Centro Galego... (I)



Regresei onte a noite e desexo comezar polo "noso" Centro Galego...

Nun artigo publicado en "El Eco de Galicia" polo seu director, Waldo Álvarez Insua, o 12 de outubro de 1879, avogábase pola creación dun Ateneo Galego, iniciativa que tivo repercusión inmediata entre os emigrantes galegos da capital cubana.

Daquela existían na Habana a Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galiza (meritoria institución nada o 31 de decembro de 1871) e a Sociedade Coral Ecos de Galiza, creada en 1872. Aquela idea comezou a cristalizar o 23 de novembro de 1879. Un grupo de estudiantes galegos entusiastas reuníuse no Teatro Tacón (máis tarde Teatro Nacional e hoxe Teatro García Lorca). Acordaron constituír unha sociedade que denominarían Centro Galego, Sociedade de Instrucción e Recreo. A mesa provisional estaba composta por Secundino González Valdés (en substitución de Nicolás Villageliú), como presidente. Ao primeiro paso seguiu un período de laboriosa xestión. O 12 de decembro do mesmo ano quedou aprobado o Regulamento e constituíuse a primeira Xunta Directiva presidida por Nicolás Villageliú. A nacente institución comeza a recibir doazóns e axuda diversa dos novos socios.

En 1880 créanse as Seccións de Instrucción, Recreo e Adorno e Declamación. A Sección de Instrucción cumpre un dos obxectivos centrais da sociedade. Funcionou tamén unha escola, que comezou co ensino de instrucción xeral, idiomas e biblioteca. En 1881 a escola tiña 109 alumnos e o Centro contaba con 701 asociados. Nun dos seus postulados expresase que "este Instituto ten por obxecto fomentar a unión de todos os oriúndos de Galiza en Cuba, proporcionándolles á vez instrucción e honesto recreo". Créase unha Sección Lírica (a base de elementos da extinguida coral "Ecos de Galicia") e máis tarde a Sección de Filarmónica. Tivo esta entidade dificultades económicas, en boa medida derivadas da situación colonial. Nembargante segue a se consolidar, aumentando o seu número de socios e a escola adquire enorme prestixio.

En 1884 créase na Península a "Sociedade de Salvamento de Náufragos", e o Centro Galego contribúe desde A Habana ao seu sostemento. Promove unha subscrición voluntaria entre os emigrantes para axudar a Rosalía de Castro, que se atopaba enferma e sen recursos, e nomea unha comisión encargada de agardar aos barcos que traen menores que son explotados de diverso modo á súa chegada. Créase tamén a "Casa de Saúde" e este servicio fai aumentar considerablemente o número de asociados.

En 1889 a escola ten 895 alumnos, e unha biblioteca que aumenta día a día o que reflicte a preocupación cultural dos directivos. Co establecemento do Goberno da República de Cuba en 1902, iniciase unha nova e progresiva etapa do Centro Galego.

En 1906 o centro merca o Gran Teatro Tacón, no corazón da cidade, así como os terreos lindeiros. Co tempo adquirirá outros ata completar a área que ocuparía o seu Pazo Social, hoxe monumento nacional. E créase tamén a "Caixa de Aforros e Banco Galego".

Unha vez seleccionado o proxecto, o 8 de decembro de 1907 colocouse a primeira pedra do novo edifício-sede. Pedra traída das canteiras de Parga (Lugo), na que foron labradas simbólicas alegorías. Na caixa de chumbo coloraranse unha colección de moedas antigas, o recibo do socio Xosé María Allegue (socio nº 1) e o de Emília Pardo Bazán, socia de honra. A Banda Municipal da Habana, dirixida por Guillermo Tomás, tocou a "Alborada de Veiga".

En 1913 remataron as obras do Pazo Social, onde foi instalada a entidade. Inaugurado en 1914, foi obra do arquitecto Belga Pool Berriv. De estilo neobarroco na súa fachada principal, contén catro grupos escultóricos de mármore branco que representan alegorías da beneficencia, da educación, da música e do teatro, obra de Joseepe Moran. Os elementos colocáronse de forma equilibrada, os balcóns, fiestras, cornixas, a proporción das súas torres e a unidade das molduras logra un ritmo elegante. O seu teatro foi construído dentro do belo edificio e durante moitos anos foi o mais grande e luxoso de Cuba. O Teatro (que adoptou o nome de Gran Teatro Nacional), rematouse en 1915 e foi inaugurado cunha tempada de ópera. Preside o Centro Eugenio Mañach.

Refórmanse os Estatutos. A dirección da Sociedade está encomendada a unha Asemblea de Apoderados, a razón de vintecinco por cada cinco mil socios residentes na Habana e un apoderado por cada mil asociados das Delegacións do interior da Illa. A Asemblea de Apoderados preside ademais unha Asemblea Xeral de socios, pública e solemne, que se celebra cada ano, na cal os socios poden formular alegacións, orais ou por escrito, quedando a Asemblea obrigada a resolver sobre elas na primeira reunión ordinaria. O goberno da Sociedade corresponde a unha Comisión Executiva, nomeada pola Asemblea, as Seccións e o presidente xeral do Centro. Oito son as Seccións: Sanidade, Cultura, Belas Artes, Propaganda, Inmigración, Fomento, Orde e Inmobles.

Ao longo de toda a súa historia o Centro Galego da Habana non só foi sensíble ante a dor e a necesidade, senón que estivo presente en diversas empresas de orde espiritual. Algún exemplo foi que posibilitou que o Orfeón "El Eco Coruñés", dirixido por Chané, participase nun concurso universal celebrado en Barcelona; contribuíu á edición da "Historia de Galicia", de Manuel Murguía; abriu unha subscrición para levantar un monumento en Viveiro a Nicomedes Pastor Díaz; asigna un premio nos xogos florais celebrados en Lugo en 1901, etc.

Máis alá do labor na "Casa de Saúde", o Centro Galego está presente en múltiples xestos de solidariedade humana. Enumeramos algúns; envía cartos a moitos labregos de Lugo e Ourense afectados en 1888 por fortes saraibas que destruíron moitas colleitas; auxiliou en 1901 aos damnificados polas inundacións en Consogra; contribuíu a axudar ás familias das víctimas que ocasionou en Santander a explosión do "Cabo Machichaco"; enviou unha comisión ás minas de Juraguá (Santiago de Cuba) para investigar sobre as explotacións a que eran sometidos emigrantes galegos; outra comisión foi enviada ás obras do Canal de Panamá, onde eran víctimas de abusos moitos obreiros galegos, etc.

No Pazo Social ademais de ter a administración do Centro Galego instaláronse moitas entidades comarcais galegas. O edificio anterior continuou como local da escola denominada "Plantel de Concepción Arenal", no cal ademais de ensino primario (desde preescolar a 8º grao) e das clases nocturnas de corte e costura, comercio, taquigrafía, etc., ficou a "Academia de Belas Artes do Centro Galego" (pintura, debuxo, modelado, baleirado e escultura) e unha "Academia de Música" elevada ao rango de Conservatorio Nacional. A Casa de Saúde "La Benéfica" na década dos 50 chegou a contar con trece pavillóns (vías respiratorias, enfermidades cardiovasculares, mentais e nerviosas, medicina xeral, infecto-contaxiosas, hidroterapia), cun termo medio diario de 650 enfermos, entre os que se incluían vellos desvalidos en albergue permanente.

O 1 de xaneiro de 1959 triúnfa a Revolución Cubana. As vellas estructuras dun país neocolonizado -cunha alta porcentaxe de analfabetismo, 600.000 desocupados, carencias básicas de toda orde- foron removidas ata os alicerces. E os cambios afectaron tamén ás asociacións de emigrantes. Daquela o Centro Galego tiña uns 52.000 asociados...

E a revolución convertíuno no Liceo da Habana Vella, no Gran Teatro da Habana "García Lorca" e tamén na sede do Ballet Nacional de Cuba...

Pero aínda segue albergando no seu seo un total de 57 pequenas sociedades comarcais galegas en vías de extinción (algunhas con só uns poucos asociados, vellos, que se reúnen ocasionalmente, mais sen actividade concreta algunha) e tamén a centenaria "Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galicia"...

O edificio mantén a súa fisionomía orixinal, pois case nada se alterou: o escudo de Galiza, escudos provinciais, un busto de Curros Henríquez, o mobiliario completo do salón da presidencia, placas ou tarxas de bronce interiores e exteriores, símbolos diversos, retratos de personalidades galegas, así como varios cadros, entre os que destaca o famoso óleo de Modesto Brocos "La defensa de Lugo". Tamén se conserva a coroa de prata entregada a Curros en memorábel acto celebrado na Coruña en 1904.

O Centro Galego como institución cesa en novembro de 1961. Ata febreiro dese ano foi o seu presidente Xosé Pérez Riva, quen renunciou sendo substituído polo vicepresidente Camilo Vila.

No corazón da capital cubana fronte ao Parque Central érguese este soberbio edificio (hoxe monumento nacional), símbolo do esforzo e tesón dos nosos emigrantes...

E é que no Centro Galego da Habana naceu en 1898 a bandeira galega, estrenouse o 20 de decembro de 1907 o himno galego e ata creouse en 1905 unha Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega que, o seu pulo, acabou fundándose un ano mais tarde, o 30 de setembro de 1906...

O próximo 20 de decembro cúmprese, polo tanto, o centenario da estrea do himno galego no Teatro da Habana do "noso" Centro Galego...

E ¿sabedes como está agora?, ¿sabedes como está a nosa xente?, ¿sabedes onde está a súa magnífica biblioteca?

A nosa terra débelle moitísimo aos emigrantes que fóronse para Cuba sen esquecerse dos que ficamos eiquí... e agora os que ficamos eiquí paréceme que os temos un pouco esquecidos... e non pode ser... porque non debe ser...

Algo teremos que facer... ¿Ou non?

Ver tamén fillos.org e dtcuba.com

1 comentario:

jose carlos dijo...

Pues bienvenido de nuevo. Bonito viaje si señor. Un saludo.