En La Voz de Galicia
En el Diario de Ferrol
En la web municipal
El alcalde destaca en el homenaje a las corporaciones la dedicación de los concejales durante estos treinta años
O alcalde de Ares, Julio Iglesias, destacou esta mañá, no marco da homenaxe da actual corporación a todas as pertencentes á época democrática, o traballo e a adicación dos máis de sesenta homes e mulleres que, ao longo destes trinta anos –o pasado 3 de abril cumpriuse o trinta aniversario das primeiras eleccións democráticas-, traballaron neste Concello. O rexedor, que presidíu o acto celebrado ás 12.30 horas no salón de plenos do Consistorio, manifestou, referíndose a todos eles, que “renunciaron a moitas cousas para poñerse ao servizo dos seus veciños e tentar, dende diferentes siglas políticas, un obxectivo común: o de traballar ao servizo dos cidadáns”.
“Estas persoas non dubidaron en iniciar unha nova etapa, a da democracia, coas complicacións e medos que podían existir entón e que hoxe, por sorte, están totalmente superados”, dixo Iglesias, que engadíu que, se ben as circunstancias políticas e sociais teñen mudado moito nestes trinta anos e as necesidades que na actualidade plantexan os veciños son moi diferentes ás posiblemente plantexadas á que foi a primeira corporación municipal, “non debemos esquecer que esa ilusión coa que estou seguro que traballaron as primeiras corporacións locais e os obxectivos dos gobernantes seguro que son os mesmos”.
O alcalde socialista, que lembrou que esta homenaxe resposta a unha moción do PSOE aprobada o pasado mes de marzo por unanimidade polo pleno da corporación, tivo unhas palabras de recoñecemento especial á que foi a primeira corporación –os seus representantes compartiron bancadas cos actuais edís- e, dun xeito especial, ao que fora o seu alcalde, José Cortiñas Gil, xa finado.
“Grazas por representarnos tan dignamente durante estes trinta anos; grazas pola vosa xenerosidade e grazas, en definitiva, por adicar parte das vosas vidas ao conxunto dos veciños deste municipio”, dixo Julio Iglesias.
A continuación, o máximo responsable do goberno aresán deu lectura a unha declaración institucional na que, entre outras afirmacións, se indicaba que “os gobernos locais españois participaron dun xeito activo na transformación dun Estado centralista e totalitario cara un Estado de Dereito, descentralizado e participativo”. “Pero, trinta anos despois, os gobernos locais aínda non temos o lugar institucional que a Constitución esixe. O Estado ten evolucionado, pero non o suficiente para aproveitar todo o potencial de solvencia, eficacia e eficiencia dos gobernos locais, pola súa cercanía aos cidadáns e pola súa capacidade de resposta rápida ás súas demandas”, rezaba a declaración. Así, demandouse que se dote aos gobernos locais dun modelo de financiamento que permita dar solución ao problema estrutural que padecen as administracións locais dende hai trinta anos, dotándoas dos recursos suficientes para acometer as moitas e importantes competencias que actualmente se están a desenvolver, e, ademais, que se dea resposta á histórica reivindicación da Fegamp para profundizar no Pacto Local.
Todos os concelleiros e exconcelleiros asistentes á homenaxe –preto de corenta e algúns deles chegados de diferentes puntos de España- recibiron de mans do alcalde –que tamén tivo unha lembranza aos ex edís finados e a aqueles que hoxe non poideron estar presentes na homenaxe- un agasallo, consistente nun pisapaeis de bronce co anagrama do Concello de Ares, en sinal de recoñecemento polo seu traballo nesta época democrática. Os pisapapeis tamén foron entregados aos secretarios –asistiron tres dos catro que traballaron no Concello nos últimos trinta anos-, dos que Iglesias destacou que “sempre estiveron, e están, ao noso lado” e “sen eles, o noso traballo sería practicamente imposible”. “Moitas veces solidarízanse con nós e ás veces acaban cos nosos propios desvelos”, afirmou o rexedor socialista.
Despois das palabras dos voceiros dos diferentes grupos políticos da actual corporación e da foto de familia tomada fronte o Consistorio, todos os asistentes foron convidados a un ágape, que tivo lugar no restaurante Mar de Ares.
1 comentario:
Muy buena la idea de celebrar el aniversario de la democracia, así se debería hacer en todos los ayuntamientos para recordar lo bien que vivimos ahora, y lo mal que se vivió en la etapa franquista. Saludos.
Publicar un comentario