viernes, 28 de septiembre de 2007

O millor e mais vello son volverá a soar...

O RELOXO DO CAMPANARIO DA IGREXA DE SAN XOSÉ VOLVERÁ A SOAR DESPOIS DE MOITOS ANOS

Alí estaremos ao primeiro novo son da campá, programado para as doce do mediodía de mañá Sábado


Os veciños e veciñas de Ares volverán a oír soar cada hora a campá do reloxo do campanario da Igrexa de San Xosé, despois de moitos anos sen poder facelo por un problema na súa maquinaria. Foi agora, como con outras moitas cousas, cando a avaría quedou arranxada, grazas a actuación promovida pola Concellaría de Obras, que dirixe o meu amigo da infancia Pepe. O primeiro son será mañá ás doce do mediodía e alí estaremos de novo xunta á torre, adosada á Igrexa pero de propiedade municipal, co resto dos meus compañeiros, hoxe, de goberno e, cando nenos, tamén de xogos.

Por moitísimas razóns, pois criámonos moi preto (eu, concretamente, no alto do Concello vello, onde vivín xunto os meus pais e as miñas irmáns, alí no palco), dende eiquí fago un chamamento aos nosos veciños e veciñas para que participen deste acto, xa que foron os seus antepasados os que en 1722, coas súas autoridades ao fronte, decidiron facer unha torre cun reloxo no templo do tamaño e co mesmo artiluxio que o de Pontedeume.

Só un ano máis tarde –en setembro de 1723-, o mestre armeiro Juan do Sisto trouxo á vila o reloxo que se lle encargara e uns días máis tarde, os veciños e as autoridades locais convocaron unha nova reunión para acordar a construcción da torre. Co reloxo e a torre feitos, tan só faltaba a campá, o que foi obxecto dun novo encontro, neste caso o 10 de outubro de 1723, para decidir a súa construcción e contratar ao maestro encargado de facela, Francisco de Palacios (mestre fundidor).

Así as cousas, en dous anos estaban concluidos todos os traballos, que tamén conlevaron unha serie de partidas menores en materiais de carpintaría, como andamiaxes e a escaleira interior de madeira.

Dende aquela, houbo dous importantes cambios. Deste xeito, a primitiva maquinaria do reloxo foi substituida en 1908 pola actual, doada polos irmáns Agustín, Darío e Valentín Bugallo, o que consta nunha placa colocada na torre en sinal de gratitude do pobo de Ares.

Tampouco a campá actual é a primitiva. Tal e como se poder ver na inscripción que figura nela ("Me hizo año 1827 María y José para Santa Catalina de Monte Faro Joaquín del Cagigal"), a campá procede do mosteiro de Santa Catalina, que sufriu de cheo a desamortización de Mendizábal de 1836.

Polo tanto, veciños e veciñas de Ares, que vides escoitando o son das campás dende finais do século XVIII e que levades varios anos sen poder facelo por unha avaría sen solventar, quero decirvos que dende maña sábado ás doce do mediodía volveredes a ter neste reloxo da torre da Igrexa o millor e mais vello son das horas do día.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Hola a todos los vecinos de Ares y alrededores, como Aresano hago pública mi felicitación por este blog diariamente actualizado y por toda la información que en él se aloja, dándonos a conocer todas las novedades que surgen día a día en nuestro pueblo. Enhorabuena Julín y demás compañeros y colaboradores.

julín de ares dijo...

Muchísimas gracias. Anima a continuar...