lunes, 24 de septiembre de 2007

Nota de prensa: Os primeiros cen días de goberno

O desbloqueo da ampliación do Centro de Saúde, principal logro dos cen primeiros días de goberno



O alcalde, Julio Iglesias, destaca tamén destes tres meses a normalización das relacións co resto de administracións e o control urbanístico no municipio.

ARES, 24 DE SETEMBRO DE 2007.- Coincidindo co cumplimento dos cen días de goberno, o alcalde de Ares, Julio Iglesias, destaca algunhas das actuacións promovidas polo seu grupo –o PSOE, partido que goberna este municipio en minoría- neste período, considerando o desbloqueo da ampliación do centro de saúde como un dos principais logros. Neste sentido, o rexedor lembra que despois de varios anos de confrontacións entre o anterior grupo de goberno (PP) e a Consellería de Sanidade, o pasado mes de agosto, despois da visita á vila da titular deste departamento da Xunta, o Concello aprobou por unanimidade a cesión dunha parcela anexa ao actual inmoble para a execución do novo centro, que levará tres novas consultas e que servirá para que os cidadáns de Ares dispoñan dun servizo de saúde acorde ás necesidades do século XXI.

Pero a visita de María José Rubio non foi a única. Nestes cen días de goberno, diversos responsables da Xunta achegáronse a Ares para atender tanto as reivindicacións da administración local como para facer público diferentes compromisos con algúns dos seus mais importantes colectivos. A normalización das relacións institucionais é un aspecto moi valorado por Iglesias, que pensa que é vital manter un diálogo fluido co resto das administracións para acadar o desenvolvemento do municipio. Boa proba delo son tamén os mais de 65.000 euros que recibirán as diferentes asociacións locais dá Diputación Provincial.

Outro importante logro deste tempo é o acordo para a construcción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) do norte da ría de Ares e a sur da de Ferrol, actuación promovida pola Consellería de Medio Ambiente, nunha parcela de Punta Avarenta (Chanteiro), o que permitirá dar servizo aos cidadáns dos municipios de Ares, Mugardos e Fene. Ademais, os tres municipios xa acadaron un acordo para sufragar os gastos que derivaranse da adquisición das parcelas necesarias para dita actuación, que serán proporcionais ao número de habitantes de cada un.

As negociacións cos Ministerios de Defensa e Cultura para a recuperación dos usos e rehabilitación do monasterio de Santa Catalina son outras xestión que xa están en marcha por parte dos novos responsables políticos de Ares.

Nesta liña, o alcalde tamén subliña a colaboración iniciada con outros Concellos, principalmente o veciño Mugardos, con vistas a levar a cabo actuacións conxuntas que redunden nunha mellora na prestación de servizos aos cidadáns. O servizo de vixilancia nocturna con serenos, a piscina (actuación tamén desbloqueda), a consecución dunha liña de autobuses que percorra os dous municipios ou o servizo de transporte adaptado, ademais dunha comisión de traballo das dúas administracións, son algunhas das iniciativas nas que ambos rexedores veñen traballando dende o inicio do mandato.

O urbanismo é outra das cuestións nas que o goberno local meteuse de cheo. O interese por facer cumplir a legalidade, tamén en materia urbanística, levou aos responsables municipais a paralizar cinco obras de edificacións que non se axustaban ás licenzas concedidas, das que catro xa presentaron as medidas correctoras pertinentes. Este empeño, como asegurou Julio Iglesias, será unha constante nos catro anos de mandato e afectará non só aos promotores privados, senón tamén á propia administración local. Así as cousas, o rexedor socialista xa mantivo varias reunións co director xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, con obxectivo de legalizar o inmoble que na actualidade acolle a Casa Consitorial. Iglesias, que manifestou o compromiso do seu grupo a acatar as modificacións que esixa a Xunta para legalizar o edificio, conta con poder recuperar as axudas de Presidencia para casas de Concellos de Galicia, perdidas polo anterior goberno do PP debido á construcción dun edificio ilegal –ocupa zona verde-.

E a normalización da vida municipal tamén afecta aos propios traballadores e aos procesos de selección do persoal funcionario. Como se recordará, o alcalde vén de aceptar na súa totalidade un recurso de reposición contra as bases e os nomeamentos de sete funcionarios no pasado ano por considerar que a administración local de entón (PP) vulnerou os principios constitucionais de acceso en condicións de igualdade ás funcións e cargos públicos, así como o acceso á función pública dacordo cos principios de mérito e capacidade.

O impulso ó deporte e á cultura, á atención aos nosos maiores e tamén a diferentes colectivos menos favorecidos, como discapacitados físicos, persoas dependientes e parados de longa duración, a defensa dos nosos consumidores, o inicio da execución das obras de construcción tanto do tan necesario novo campo de herba artificial para o Numancia como das tan desexadas infraestructuras pesqueiras, a demanda dunha nova sede para a Cofradía de Pescadores e outras obras tanto maiores como menores en diferentes puntos del municipio, incluidos novos accesos públicos e gratuitos a Internet, son outras iniciativas non menos importantes do novo grupo de goberno, que lamenta as dificultades que veñen arrastrando pola grande débeda económica herdada do anterior goberno do PP, que segundo un informe de tesourería ascende a tres millóns de euros.

Pola contra, Julio Iglesias tamén valora o apoio que os diferentes grupos da oposicións veñen prestando -salvo contadas excepcións- para poder sacar adiante as iniciativas dos responsables locais, e agarda que esta sexa a tónica predominante durante o mandato.

No hay comentarios: