Este ano, a delegación coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia adica o Día Mundial da Arquitectura a esta vila mariñeira, que considera exemplo de urbanismo e arquitectura sostible.
O vindeiro luns, día 1 de outubro, a delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia adica a Redes a celebración do Día Mundial da Arquitectura, localidade á que califican estes profesionais como "un exemplo de urbanismo e arquitectura sostible".
O Colexio Oficial ten ademais unha consideración especial, compartida por moitísimos de nós, co esforzo mantido polos veciños e veciñas desta típica vila mariñeira para preservar os seus singulares valores tanto urbanos como paisaxísticos.
Os actos que organiza a delegación coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e que contan co respaldo do goberno local, comezarán ás doce do mediodía do luns na praza de Redes, coa lectura dun escrito. A continuación, a comitiva fará un percorrido guiado pola vila e, finalmente, procederase á proxección dun vídeo na escola.
Como Alcalde e veciño de Ares, agradezo profundamente o recoñecemento dos arquitectos a esta vila, que nas últimas semanas está sendo obxecto dun grande protagonismo, tanto por esta decisión como pola próxima rodaxe na nova serie da TVG "Padre Casares".
Sirva este recoñecemento para destacar a importancia de preservar o litoral de agresións urbanísticas e incidir na miña intención de velar porque en todo o municipio, que está sendo obxecto dende hai anos dun importante crecemento urbanístico, se cumpra a legalidade e se respecten os criterios de sostenibilidade.
Onte para hoxe, e hoxe para mañá...
No hay comentarios:
Publicar un comentario