Xavier Alcalá será o primeiro invitado no ciclo de conferencias "falAres", que terá lugar o vindeiro venres, día 28, ás 20.00 horas, na Alianza Aresana. O ciclo de conferencias "falAres", é unha iniciativa promovida polo Concello de Ares, a través da súa Concellaría de Cultura, que ten como obxectivo prioritario converter o noso municipio nun polo cultural e que consiste na organización periódica (cada mes e medio ou dous meses) dunha reunión conferencia presentación literaria.
O meu gran amigo Xavier Alcalá será o primeiro autor invitado ao acto, que comezará ás 20.00 horas no salón de actos da Alianza Aresana, e que inclúe, ademais da charla do escritor ferrolán, a propia presentación do ciclo por parte dos responsables locais e a actuación musical do grupo de blues Miki Nervio & The Bluesmakers, unha banda lexendaria no panorama musical do país dende o ano 1992.
A nosa pretensión é que a cada unha destas citas acuda a Ares un escritor para que presente o seu último libro publicado. Pero non só falará sobre dita obra, senón que tamén fará un repaso pola súa carreira, abrindo posteriormente un espazo para o debate entre o propio autor, que poderá ser galego ou de fóra, e o público asistente.
Este evento celebrarase ao longo de todo o ano lectivo, é dicir, dende este mesmo mes ata xuño de 2008.
Aínda que as datas están por confirmar, outros escritores ou xornalistas que intervirán en próximas conferencias de "falAres" son Xavier P. Docampo, Carlos Reigosa, Darío Xoán Cabana e Benito Raposo, entre outros.
Esta iniciativa, coa que pretendemos dar un impulso decidido á cultura e á súa difusión na vila aresana, completarase cun blog do evento, que terá o seu enlace directo dende a nova web do Concello, e coa publicación, ao rematar o ano, dun libro no que se recollerán todas as conferencias e as fotos do evento.
Currículo de Xavier Alcalá
Aínda que naceu na localidade de Miguelturra (Ciudad Real, 1947), Xavier Alcalá viviu en Ferrol dende a súa infancia. Enxeñeiro de Telecomunicacións e fundador de Gaélico, primeira empresa galega adicada ás enerxías alternativas, o escritor é o autor dunha ampla obra narrativa –máis de 30 publicadas-, que se inicia en 1972 co libro de relatos "Voltar, seis persoaxes e un fado". Nestes anos, tamén cultivou a narrativa de viaxes e novela, con obras recoñecidas e premiadas como "A nosa cinza" e "Fábula". Na conferencia do venres, Xavier Alcalá falará fundamentalmente da triloxía "Evanxélica memoria", iniciada en 2004 con "Entre fronteiras", e á que lle seguiu "Nas catacumbas", en 2005. En vindeiras datas, o escritor ferrolán publicará o terceiro e último libro desta serie, "Unha falsa luz", do que adiantará aos asistentes algunhas das súas claves. Xavier Alcalá vén colaborando dende hai anos en diversos xornáis e, entre outros méritos, escribiu cancións para o magnífico e inolvidable Andrés do Barro.
Non pretendo adiantar nada, pero na triloxía "Evanxélica memoria", como non podería ser doutro xeito, saímos nós... cá nosa historia... có noso pasado... a nosa igrexa evanxélica... o bó e inolvidable Don Arturo O´higgins... é mesmo a memoria viva do meu tan querido e admirado Manuel Molares...
No hay comentarios:
Publicar un comentario