Iglesias promoverá un “polígono verde” entre Ares y Mugardos
No marco dun encontro informal cos medios de comunicación, expliquei o desenvolvemento, conxuntamente co veciño municipio de Mugardos, dun polígono verde. Trátase dunha iniciativa que xurdiu coa redacción do PXOM e despois de coñecer a experiencia dun empresario que vive en Ares e ten unha compañía do sector de investigación en As Pontes, que me trasladou o seu interese, e o dos enxeñeiros que traballan na mesma –que viñeron de Madrid con ganas de mellorar a súa calidade de vida- por implantar no noso municipio a súa empresa.
O polígono verde que defende a agrupación socialista fomentaría o asentamento de empresas respectuosas co medio ambiente e coa finalidade turística dos dous municipios implicados e que teñen, no caso de Ares, o mosteiro de Santa Catalina, e de Mugardos, no castelo da Palma, os seus respectivos epicentros. Dende logo que existe unha demanda de empresas compatibles con estes dous extremos que pode ser asumido polos dous Concellos, cuxa superficie total non chega aos 60 kilómetros cadrados, xa que non consumen moitos recursos.
O sistema sería a través de bolsas de solo, cunha primeira fase que tería unha superficie aproximada de 40.000 metros cadrados e daría cabida a unhas 25-30 empresas de 700 e 1.000 metros cadrados, situados entre os dous municipios. Este novo uso do solo, actualmente cualificado como rústico, será previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal, polo que acadaríamos, ademais da revalorización destes terreos que hoxe son rústicos, o asentamento de empresas, o que é de grande importancia dende o punto de vista do desenvolvemento de Ares e do emprego.
As principais compañías destinatarias deste polígono, que podería comezar a ser unha realidade nun período aproximado de dous anos, serían todas aquelas vencelladas ao coñecemento e a investigación, a artesanía e os servizos, é dicir, compañías que non requiren de moito espazo e que, ademais, non consumen recursos –nin enerxía nin auga-.
No hay comentarios:
Publicar un comentario