viernes, 11 de marzo de 2011

Todos a una!!!


A COMUNIDADE EDUCATIVA PEDIRÁ UNHA REUNIÓN CO CONSELLEIRO EN ARES PARA QUE APORTE UNHA SOLUCIÓN URXENTE PARA A AMPLIACIÓN DO CENTRO ESCOLAR

* O alcalde de Ares e os portavoces dos grupos políticos reuníronse está mesma mañá na Alianza coas responsables da ANPA e a dirección escolar para abordar a necesidade inmediata de ampliación do centro

ARES, 10 DE MARZO DE 2011.- O alcalde de Ares, Julio Iglesias, e os representantes dos grupos políticos con presenza na corporación municipal reuníronse esta mañá na Alianza cos representantes da ANPA e da dirección do CPI Conde de Fenosa para abordar a urxente necesidade de ampliación do centro escolar. No encontro o alcalde deu conta de todo o acontecido ao longo deste último ano, dende a primeira reunión na Coruña co delegado territorial, Diego Calvo, e todos os portavoces, pasando pola visita no mes de xuño da xefa territorial de Educación, Teresa Villaverde, ao colexio, na que se comprometeu a buscar unha solución coas alternativas plantexadas polos servizos técnicos do Concello e a facer un proxecto; extremo que non só se cumpriu no prazo plantexado -decembro de 2010-, senón que o PP, dende aquela, votou en contra de todas as iniciativas plantexadas polos grupos políticos -unha enmenda do BNG aos orzamentos autonómicos e unha batería de iniciativas parlamentarias presentadas polo PSOE esixindo a ampliación do colexio-, e evitou en todo momento concretar datas e investimentos para a ampliación do CPI.

A este respecto, a comunidade educativa amosou o seu malestar por un tema de grande importancia que se está a alargar no tempo en exceso e que afecta non só a Infantil, senón ao conxunto dos escolares, posto que a construcción do Aulario de Infantil libraría espazos para dotar ao colexio de servizos da importancia dunha biblioteca para a ESO, aulas de desdoble, aula de informática para Infantil e Secundaria e un salón de actos.

Así as cousas, acordouse pedir unha reunión urxente “ao máis alto nivel”, na que participen, ademais do propio alcalde, os portavoces e os responsables do centro e da ANPA, o delegado territorial, Diego Calvo, a xefa territorial de Educación, Teresa Villaverde, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, co principal obxectivo de clarificar a viabilidade da “solución 1” -a da parcela anexa clasificada como rústica- plantexada pola Xunta ou, en caso contrario, optar pola “solución 2” -a da parcela actualmente utilizada como aparcadoiro do profesorado, considerada como opción dúas na última comunicación remitida ao Concello pola Delegación Territorial- e, sexa o caso que sexa, prodecer dun xeito “inmediato” á redacción do correspondente proxecto. Na solicitude, incluirán a petición de que a reunión sexa en Ares, concretamente no Conde de Fenosa, para que o conselleiro, que aínda non considerou oportuno coñecer este centro, constate, xunto co resto de autoridades autonómicas, a necesidade real e urxente de ampliar as actuais instalacións.

Mentres que a Consellería de Educación non solucione definitivamente este grave problema, a comunidade educativa, co total apoio do equipo de goberno, seguirá coas súas accións informativas e reivindicativas, iniciadas hai unhas semanas pola ANPA coa campaña de recollida de sinaturas a través da que solicita á Xunta a ampliación do centro escolar aresán, e que incluso poderían subir de intensidade.

No hay comentarios: