
Entrevista hoy en
La Voz Julio Iglesias: «Aspiramos a crecer e a conquistar outras alcaldías na zona»
Iglesias aposta por saír do proceso congresual «cunha soa voz»Autor: Luís A. Núñez
Data de publicación: 10/11/2009
Julio Iglesias Redondo (43 anos) é o alcalde de Ares e tamén, desde o congreso do pasado sábado, o máximo responsable (coa secretaría de Formación) do PSDEG provincial na comarca de Ferrol e unha das catro persoas da zona que se integran no comité executivo que dirixirá os próximos catro anos o tamén presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda.
-O secretario xeral depositou a súa confianza en vostede para diagnosticar a situación do partido.
-Para min é unha honra que nas primeiras palabras que Salvador Fernández Moreda dedicou ao congreso foron para depositar en min un reto tan ilusionante como ir traballando nas eleccións do 2011. E facelo da man de Salvador, que é unha persoa que ten un coñecemento total e absoluto do territorio.
-Fernández Moreda levou un 68% dos votos. ¿Como interpreta ese resultado?
-É moi positivo porque determina unha vitoria clara e lexitima un xeito de facer política que gozou dun respaldo claramente maioritario. Dentro da candidatura sempre barallamos un resultado similar ao 70/30, e efectivamente é o que se produciu na comarca de Ferrol.
-¿Como o pode saber se o voto era secreto e en urna?
-As agrupacións locais elixiron delegados para o congreso e as asembleas mandaban en moitos casos o nome do candidato que se quería apoiar. E en ocasións, os candidatos puxéronse en contacto con todos os delegados, que xa transmitían o seu sentir e podiamos entrever quen apoiaban a un e a outro nunha zona de certa incerteza, pero que non ía modificar os nosos prognósticos.
-Durante o seu desenvolvemento, os seguidores das dúas candidaturas viviron un proceso tenso. ¿Que escenario queda agora entre os partidarios de Moreda e os de José Manuel Lage?
-Foi un proceso democrático, e calquera compañeiro ten lexitimidade para presentarse. Que haxa dúas candidaturas determina unha confrontación saudable e leal. Iso non pode levar a ignorar que en todo proceso prodúcense certas tensións, pero todos somos militantes dun partido e todos somos necesarios. E estamos nunha situación delicada, nun momento no que o PSDEG está na oposición no Goberno da Xunta. Iso tennos que levar a saír deste proceso cunha soa voz.
-Narón queixábase dunha escasa representatividade da oitava cidade de Galicia.
-Cando hai un congreso onde pugnan dous compañeiros que representan dous xeitos diferentes de facer política, hai que optar pola que che xera máis confianza a cambio de ser coherentes cos nosos propios ideais. Asomarse ao congreso en función do que lle vai a tocar a cada un é un mercadeo que baixo ningún concepto debería ter cabida no PSDEG.
-Pero é evidente que é unha praza interesante desde o punto de vista electoral.
-Narón é un concello importantísimo onde a representación do partido está moi por baixo do que se merece e do nivel onde tería que estar. É unha das poboacións máis importantes da provincia e está claro que vai ser obxecto de especial esforzo desta executiva para mellorar os seus resultados.
-O novo comité provincial anula a anterior estrutura. ¿Que queda agora das asembleas comarcais?
-A estrutura comarcal quedaría como algo moi residual que non iría máis aló de despregar as súas funcións no ámbito dos procesos electorais. E sempre estaría supeditada á estrutura provincial, que é a que detenta as funcións de dirección política.
-Moreda encargoulle como tarefa radiografiar a situación do PSDEG na comarca. ¿Cal é a súa impresión inicial?
-A situación é moi positiva. Vivimos nunha comarca que ten unha gran potencialidade en representación de gobernos socialistas. E non só aspiramos a consolidar o que xa temos, senón tamén a crecer e seguir conquistando outras alcaldías. Nas anteriores eleccións xa experimentamos unha subida e creo que estamos en condicións de revalidar os concellos que xa temos e superar ese resultado do 2007. Para iso, temos que dicir aos compañeiros que estamos ao seu lado para construír un partido mellor.
A comarca logra unha representación «histórica»Data de publicación: 10/11/2009
Segundo Iglesias Redondo, a representatividade que obtén a área de Ferrol e as súas comarcas no novo órgano de goberno do partido na provincia é «histórica», pois «incorpora á executiva provincial catro nomes, dous militantes da comarca e outros dous da agrupación ferrolá».
Por Ferrol, aparecen no novo organigrama a ex deputada Natividade González Laso, que ostenta a secretaría de Sanidade na nova estrutura do partido; e María Bouza, como secretaria de Comunicación. Os outros dous nomes da zona no comité executivo son o ex delegado de Política Territorial no anterior Goberno autonómico, o valdoviñés Alberto González, que asume a secretaría de Infraestruturas; e o propio Julio Iglesias, que se encarga da área de Formación do PSDEG provincial.
Ademais, créase un comité provincial no que participan Gerardo López Castrillón, María López e Luisa Mesa (Ferrol); Ángel Alvariño (Neda), Luis Armada (Cariño ) e Ramón Martínez (Ortigueira).