Hoy en el Diario de Ferrol
Beatriz Mato reuniuse co alcalde para fixar as liñas de traballo para o próximo ano
MERCE REY > FERROL
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, desprazouse onte até o Concello de Ares para facer unha posta en común co alcalde da vila, Julio Iglesias, das que serán as liñas de traballo para o próximo ano.
Mato, acompañada do director xeral de Promoción e Emprego, Andrés Hermida Trastoy, e do xerente do Consorcio, Roberto Rodríguez, foi recibida polo rexedor aresano e polo resto de membros que forman a corporación municipal.
O encontro institucional tivo lugar despois de que a conselleira firmase o Libro de Ouro do Concello, no despacho do alcalde. Alí ambos políticos fixaron as bases de traballo en conxunto.
“Trátase da primeira visita que fai a este municipio unha responsable do novo goberno ó consistorio e esta é a Consellería máis importante para nós porque leva proxectos vitais para Ares”. Ademais, fixo fincapé en que “aínda que é un pobo con tan só 6.000 habitantes temos proxectos moi importantes para facer na vila”.
Os temas máis destacados onte foron a escola infantil, o centro de día e o obradoiro de emprego. Pero onde máis incidiu o rexedor aresano foi neste último. O taller comezou as súas andainas con 25 alumnos o pasado mes de decembro, e o que se está conseguindo con este obradoiro é “mellorar ó patrimonio artístico e cultural convertíndoo nun referente turístico”, comentou.
Pola súa banda, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, sinalou que o obxectivo desta visita á casa consistorial é “a mellora da calidade de vida dos habitantes de Ares e, sobre todo, o fomento do emprego no municipio”, xa que segundo sinalou a conselleira “os Concellos son os que mellor coñecen as necesidades dos veciños”.
Previsións > O centro de día de Ares é posible que abra as súas portas no primeiro trimestre do ano 2010. As intalacións, destinadas ós maiores da vila, ofertarán 40 prazas.
Ó respecto da escola infantil non hai unha data fixa, aínda que se prevé que sexa a finais do presente ano ou principios do que vén. Este espazo do ensino albergará no seu interior 61 rapaces de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos. Así, esta medida “servirá de axuda para que os pais poidan conciliar a vida laboral e familiar”, tal e como manifestou a conselleira.
Tamén lembrou que estes centros educativos pasarán a depender no futuro da Consellería de Educación, aínda que neste momento seguen a ser cuestións que afectan á Consellería de Traballo e Benestar.
O centro educativo municipal formará parte das 110 escolas que se atopan rexistradas na rede de espazos educativos da Xunta de Galicia, que ofertan máis de 6.000 prazas.
Unha vez rematado o encontro institucional a conselleira desprazouse, acompañada polo rexedor aresano, ó obradoiro de emprego da parroquia de Cervás, situado en Santa Catalina. Alí observou de primeira man os avances en canto ó mantemento e a recuperación que están levando a cabo os traballadores no mosteiro.
Pero antes de abandonar o termo municipal e facer a visita institucional á localidade de Cabanas, a conselleira quixo achegarse até as baterías da Bailadora.
1 comentario:
Si todo lo mencionado lo llevan a cabo, será, sin duda, un gran avance para el concello. Ánimo que contrabajo y esfuerzo todo se consigue. Un saludo!
Publicar un comentario